miércoles, 16 de octubre de 2013

A lenda de Valença do Minho


Na terra de Valença, que noutrora tamén se chamou Contrasta, vivía unha princesa que por ser tan fermosa, valente e pura, herdou o nome desta esplendorosa terra. Contrasta era unha das dúas princesas fillas dun rei moi velliño que alí reinaba .

A beleza da princesa era exaltada pola paisaxe verdexante que a rodeaba. Parecía que a natureza se prolongaba no brillo que os raios de sol reflectían no ollar de Contrasta. Cada día que pasaba, a princesa era máis cobizada por todos os que coñecían o perfume da súa presenza.


Un día, un terrible príncipe Mouro que por alí pasaba, non puido resistir ós seus encantos. Xuntou un numeroso exército e atacou a paz dos que alí moraban. Tiveron lugar duras e difíciles batallas, foron días e días de sufrimento atroz, de loitas...O rei, canso pola vellez e triste por verse incapaz de soster o avance do Mouro, fuxiu avergoñado, refuxiándose nos frondosos xardíns que circundaban todo o palacio.

Escondido no medio das flores, o pai de Contrasta viu as flores a caer. E, ó caer, os pétalos transformábanse en pedras, que formaron grandes e nobres murallas que sepultaron o cadáver do nobre rei, transformando a súa sepultura nunha fortaleza dominante.


O príncipe Mouro quería atopar o vello rei para reclamar a gloria da vitoria, así como as riquezas do palacio e a man de Contrasta pero a pesar de percorrer no seu corcel toda a muralla que non obstante se formara, non atopa ningún indicio do rei nin das riquezas.

Levado pola ira e furioso, bate en retirada, destruíndo todo o que atopa polo camiño. Estaba saíndo da fortaleza cando atopa a princesa máis nova. Esta fícao cunha mirada sufrida, desamparada de toda forza, a pesar de soltárselle a tenrura que lle ía no máis íntimo da alma. O príncipe enfurecido, que apenas viu a moza, colleu a espada e traspasouna friamente, levando a princesa á morte. Foi de tal xeito cruel o xesto que a propia natureza sentiu aquel golpe covarde. Os paxaros voaron sobre o cadáver da princesa moribunda cantando e falando como nunca os homes escoitaran: "Ti fermosa, que tanto nos acariñaches ..., Ti serás a Raíña do Sol " Nese mesmo instante o día, antes tenebroso e frío, transformouse en intenso sol ardente, que a todo iluminou.


Cando a luz brillante foi perdendo forza, desaparecera o corpo da moza , agora transformado nun belo portal ó que despois chamaron "Portas do Sol".

Non obstante, a berros da irmá máis nova correu Contrasta , princesa herdeira do reino vencido. O Mouro ó ver chegar a súa antiga paixón non tivo coraxe para suplicar o perdón ou forzas para xustificar o seu xesto bárbaro. Perdido da razón e desexoso de dar fin a viaxe tan violenta, colleu aquela que vira desaparecer e levouna para xunto unha frondosa árbore. Alí acabou o que antes comezara: martirizou a Contrasta , deixándoa en lenta agonía debaixo da árbore que moitas veces lle servira de sombra repousante. Caíanlle as follas sobre o rostro desfalecido , segredándolle baixiño: "Serás coroada..., serás coroada , ti que fuches unha princesa valente!

E sobre as "Portas do Sol" baixo a coroa que recorda como a barbarie destruíu bondades e belezas tan prometedoras, aquelas que a natureza protexeu pola beleza e gracia. Todas as forzas uníronse para lanzar ó guerreiro Mouro no fin do do val, transformándoo en río. E aínda hoxe corre aquel a quen chaman Miño, vergado ós pés das princesas asasinadas.


Por veces procura acadar os muros da fortaleza , como suplicando perdón polos seus actos , pero alí volve ó seu leito, resignado polo poder e beleza das "Portas do Sol".


Fonte: CAMPELO, Álvaro Lendas do Vale do Minho Valença, Associação de Municípios do Vale do Minho, 2002 , p.161-163

No hay comentarios:

Publicar un comentario