miércoles, 23 de octubre de 2013

A Porta de San Pedro


Na época medieval era coñecida coma Porta Toletana ou Porta Toledana por estar situada ó final do camiño procedente de Castela. Tamén aparece nas fontes escritas como Sancti Petri. Hoxe en día aínda se ve un frontón triangular co escudo da cidade, rematado coa coroa real, flanqueado por dous leóns rampantes, e apoiado sobre un querubín e unha cartela oval coa inscrición do ano de reconstrución da porta, 1781. A súa función como porta de entrada fai que a decoración se encontre na parte exterior.


Mide 3,70 metros de ancho e 4,85 metros de altura ata a clave. A mediados do Século XIX, posuía un postigo de ferro polo que só podía entrar unha persoa e estaba defendida por un fortín. Crese que esta porta se pechaba máis tarde que o resto.


Esta porta foi e segue sendo a entrada á cidade para os milleiros de peregrinos que se desprazaban ata Compostela na Idade Media a través do Camiño Primitivo. Atravesando a porta, a primeira canella á dereita sitúanos na praza do Cantiño, onde atoparemos unhas escaleiras que nos permiten subir á Muralla.






Para ver máis fotos da Muralla de Lugo visitade o noso Flickr:



Fuente: www.turgalicia.es; www.agalicia.com; www.todocoleccion.net








miércoles, 16 de octubre de 2013

A lenda de Valença do Minho


Na terra de Valença, que noutrora tamén se chamou Contrasta, vivía unha princesa que por ser tan fermosa, valente e pura, herdou o nome desta esplendorosa terra. Contrasta era unha das dúas princesas fillas dun rei moi velliño que alí reinaba .

A beleza da princesa era exaltada pola paisaxe verdexante que a rodeaba. Parecía que a natureza se prolongaba no brillo que os raios de sol reflectían no ollar de Contrasta. Cada día que pasaba, a princesa era máis cobizada por todos os que coñecían o perfume da súa presenza.


Un día, un terrible príncipe Mouro que por alí pasaba, non puido resistir ós seus encantos. Xuntou un numeroso exército e atacou a paz dos que alí moraban. Tiveron lugar duras e difíciles batallas, foron días e días de sufrimento atroz, de loitas...O rei, canso pola vellez e triste por verse incapaz de soster o avance do Mouro, fuxiu avergoñado, refuxiándose nos frondosos xardíns que circundaban todo o palacio.

Escondido no medio das flores, o pai de Contrasta viu as flores a caer. E, ó caer, os pétalos transformábanse en pedras, que formaron grandes e nobres murallas que sepultaron o cadáver do nobre rei, transformando a súa sepultura nunha fortaleza dominante.


O príncipe Mouro quería atopar o vello rei para reclamar a gloria da vitoria, así como as riquezas do palacio e a man de Contrasta pero a pesar de percorrer no seu corcel toda a muralla que non obstante se formara, non atopa ningún indicio do rei nin das riquezas.

Levado pola ira e furioso, bate en retirada, destruíndo todo o que atopa polo camiño. Estaba saíndo da fortaleza cando atopa a princesa máis nova. Esta fícao cunha mirada sufrida, desamparada de toda forza, a pesar de soltárselle a tenrura que lle ía no máis íntimo da alma. O príncipe enfurecido, que apenas viu a moza, colleu a espada e traspasouna friamente, levando a princesa á morte. Foi de tal xeito cruel o xesto que a propia natureza sentiu aquel golpe covarde. Os paxaros voaron sobre o cadáver da princesa moribunda cantando e falando como nunca os homes escoitaran: "Ti fermosa, que tanto nos acariñaches ..., Ti serás a Raíña do Sol " Nese mesmo instante o día, antes tenebroso e frío, transformouse en intenso sol ardente, que a todo iluminou.


Cando a luz brillante foi perdendo forza, desaparecera o corpo da moza , agora transformado nun belo portal ó que despois chamaron "Portas do Sol".

Non obstante, a berros da irmá máis nova correu Contrasta , princesa herdeira do reino vencido. O Mouro ó ver chegar a súa antiga paixón non tivo coraxe para suplicar o perdón ou forzas para xustificar o seu xesto bárbaro. Perdido da razón e desexoso de dar fin a viaxe tan violenta, colleu aquela que vira desaparecer e levouna para xunto unha frondosa árbore. Alí acabou o que antes comezara: martirizou a Contrasta , deixándoa en lenta agonía debaixo da árbore que moitas veces lle servira de sombra repousante. Caíanlle as follas sobre o rostro desfalecido , segredándolle baixiño: "Serás coroada..., serás coroada , ti que fuches unha princesa valente!

E sobre as "Portas do Sol" baixo a coroa que recorda como a barbarie destruíu bondades e belezas tan prometedoras, aquelas que a natureza protexeu pola beleza e gracia. Todas as forzas uníronse para lanzar ó guerreiro Mouro no fin do do val, transformándoo en río. E aínda hoxe corre aquel a quen chaman Miño, vergado ós pés das princesas asasinadas.


Por veces procura acadar os muros da fortaleza , como suplicando perdón polos seus actos , pero alí volve ó seu leito, resignado polo poder e beleza das "Portas do Sol".


Fonte: CAMPELO, Álvaro Lendas do Vale do Minho Valença, Associação de Municípios do Vale do Minho, 2002 , p.161-163

jueves, 3 de octubre de 2013

A lenda do lagarto de Lamas de Mouro


Fai moitos anos, nas inmediacións da terra de Lamas de Mouro, existía un monstruoso lagarto que aflixía a toda a poboación. O enorme réptil aparecía no camiño que levaba ó Santuario da Señora da Peneda, e todos os que pasaban por alí eran engulidos polo seu apetito voraz. Todos os anos, algúns pastores, perdigueiros e romeiros que ían con destino ó Santuario da Señora da Peneda, eran vítimas do feroz lagarto.


Preto do lugar, no coto de meadinha, vivía unha muller que pasaba o tempo a fiar na roca, aproveitando o sol do lugar. Acontece que un día esta muller, en andanzas de devota, pasou por preto do lagarto. Ó ver que se achegaba, o terrible lagarto tentou devorala. Nun supremo esforzo a muller arrincou da cintura un arma de defensa, que non era outra cousa que a súa roca! Con extraordinaria habilidade feriu nun poderoso golpe ó ata entón invencible réptil, transformándoo en pedra!


Crese que a muller era Nosa Señora, e a proba do seu feito pódese ver no sitio dito de Portela do lagarto, nome que provén da forma rochosa de enrriba do penedo, xa que se asemella ó repugnante réptil.







Fuente: www.nortept.com

miércoles, 25 de septiembre de 2013

miércoles, 18 de septiembre de 2013

"A Domus Oceani"


O tres de Setembro do ano 1842 encontrouse un fragmento dun pavimento de mosaico, o cal chega ata os nosos días en forma de bosquexos e debuxos realizados no seu momento polos descubridores do achado e que mostraban a cabeza do Dios do Océano. O dono da edificación representou así a súa riqueza. Hoxe o mosaico dálles nome ás ruínas (finais do século III ou principios do IV d.C.) recuperadas nas escavacións dunha casa da rúa Dr. Castro de Lugo. 

As diferentes estancias que se encontran expostas na actualidade corresponderían coa última fase edificatoria entorno a finais do século III d.c. e principios do século IV d.c., podendo advertirse non obstante dúas fases edificatorias, unha de metade do século I d.c. e unha segunda que aproveita só parte das estruturas existentes e que se acometerá a finais do século I ou principios do II d.c.

A planta da vivenda organízase nun eixe disposto de leste a oeste destacando sobre todo a gran sala de recepción ó que segue un patio porticado. A edificación da casa veríase completada no século III d.c., coa inclusión dun Hipocaustum situado ó norte da sala porticada e dous corredores de comunicación da nova sala co oecus. 

Na actualidade, os vestixios foron musealizados in situ e son, canda a muralla, o atractivo turístico da cidade.





Fuente: lvcvsavgvsti.blogspot.com.es










lunes, 9 de septiembre de 2013

"A piscina romana da praza de Santa María"


Ademáis da muralla son numerosos os restos romanos que se conservan na cidade de Lugo: estelas funerarias, numerosas moedas, restos do caldarium, cerámica, a aguia dun estandarte de vexiliarius, lápidas con figura humana, ánforas...

A piscina da praza de Santa María descubriuse en 1960. Pola súa cronoloxía, temática e situación, diferentes autores considérana como un posible baptisterio paleocristián, aínda que parece máis probable que se trate dunha pequena piscina de auga fría, pertencente a un frigidarium dun complexo termal ou dun balneumdoméstico. Tamén se comprobou que a piscina non é unha estrutura illada, senón que formaría parte dun complexo arquitectónico maior.

O estado de conservación da piscina só o coñecemos a través das fotografías e debuxos de 1960. Naquel momento selouse cunha capa de area e trasladáronse ó Museo Provincial os fragmentos de mosaico desprendidos.

Na actualidade exponse a través dun vidro transparente a nivel de rasante. O obxectivo fundamental de expoñela "in situ" é garantir a conservación dos restos arqueolóxicos nas mellores condicións posibles. 




Fuente: www.lugo.es/urban

viernes, 23 de agosto de 2013

"A praza de Campo Castelo ou antiga praza do Bispo Izquierdo"


Dous conceptos únense para dar persoalidade á cidade de Lugo: Lugo antigo e Lugo moderno, mediante os cales se pode comprender na súa integridade o conxunto urbano. Comezamos a describir a cidade pola zona que os romanos acotaron coa muralla, iniciando a descripción polos centros rectores da mesma, é decir, polas súas prazas.

Este nome da popularmente coñecida como praza de Campo Castelo pode que non lles soe a moitos. O mesmo que se di da praza pode aplicarse á inmediata porta da Muralla, chamada do cárcere, do bispo Izquierdo ou tamén de Campo Castelo. O nome foille posto en honor do bispo Izquierdo, considerado como un dos grandes benfeitores da cidade lucense.

Entrando pola porta do chamado Campo Castelo chégase á antiga praza do Bispo Izquierdo, na que existiu un castelo que foi demolido. Como recordo deste, sobre o edificio da vella cárcel podemos ver unha reproducción da antiga fortaleza. A carón deste edificio atopamos a casa que o bispo Izquierdo ordenou erguer, da que se conservan portadas con molduras e un gran escudo.

A praza, modificada polas modernas construccións, conta nun dos seus extremos coa escaleira de acceso á muralla. Dita praza comunícase directamente coa praza de Ánxo Fernández Gómez á parte posterior da Casa Consistorial. En frente atopamos a fachada lateral da Igrexia de Santiago "A Nova".





Fuente: Lugo y su muralla (J. Trapero Pardo); www.lavozdegalicia.es